Saturday 18 de May de 2024

A Agrupación Socialista de Ordes elixe a Xesús Pedreira como candidato á Alcaldía de Ordes


O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, será o candidato do PSOE á Alcaldía de Ordes nas eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Así o acordaron os militantes da Agrupación Socialista ordense que participaron nunha asemblea extraordinaria celebrada na sede socialista e na que apoiaron por unanimidade a candidatura de Xesús Pedreira.

Xesús Pedreira agradeceu o apoio e as mostras de cariño ofrecidas pola militancia socialista e animounos a seguir traballando durante os próximos meses “para dar a coñecer todo o que os socialistas temos feito polo benestar dos nosos veciños e todos os investimentos que o Partido Socialista trouxo a Ordes, que foron moitos e en moitas ocasións non se coñecen ou se atribúen a outros candidatos que non moveron nin un dedo”.

Neste sentido, Pedreira Mirás lembra que “conseguimos bonificacións no IBI para os gandeiros, arranxos na N-550, o bombeo da Brea, o arranxo das pistas da parcelaria de Vilamaior ou un plan de apoio ao sector téxtil de Ordes. Agora apostamos por investir 600.000 euros nos próximos catro anos nun plan de mellora e conservación das pistas e estradas municipais, poñer en marcha o agardado Centro de Emprendemento e potenciar o polígono de Merelle”.

Así mesmo, Pedreira indicou que “como son consciente de que nos últimos tempos a política está moi desprestixiada, con tantos Bárcenas e Gürteles, os socialistas de Ordes imos poñer en marcha unha Oficina da Transparencia na que calquera dos veciños poida ter acceso a todos os datos que desexe saber sobre nós: soldos, subvencións, contratos… e a cumprir un estrito código ético que prohiba aceptar agasallos ou que obrigue a dimitir se se abre xuízo oral contra el. Porque non todos os políticos somos iguais”.